Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Frades levará unha mesa informativa ás feiras de Ponte Carreira e Abellá para conmemorar o Día Internacional da Muller


A iniciativa comezará este sábado 26 de febreiro e completarase coa campaña “No amor, non todo vale” nos centros educativos do municipio

“No amor, non todo vale”. Esta é a lenda elixida este ano polo Concello de Frades para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Ademais de continuar coas campañas formativas no colexio e no instituto, este ano a iniciativa abrirase tamén á poboación en xeral, á que se pretende chegar nos tres próximos días de feira: Ponte Carreira (26 de febreiro e 12 de marzo) e Abellá (4 de marzo).

A concelleira de Muller e Igualdade, Ángeles Álvarez Carro, explica que “imos celebrar unhas xornadas de información e asesoramento coincidindo coa celebración dos mercadillos que se fan nas parroquias. Para iso contaremos cun punto de información nas feiras locais dos días 26 de febreiro e 12 de marzo en Ponte Carreira e o 4 de marzo en Abellá nos que se repartirá material e se facilitará asesoramento a todas as persoas que se acheguen polo posto”.

Paralelamente, o Concello de Frades continuará coas actuacións no CPI e no IES, onde xa se está a desenvolver un proxecto de teatro-foro para a educación en valores. “Trátase de utilizar o teatro e as artes plásticas como instrumentos de concienciación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia contra as mulleres”, apunta Álvarez Carro.

A programación conmemorativa do 8 de marzo rematará o 31 de marzo cunha charla coloquio na que unha vítima de violencia de xénero lles contará a súa experiencia e recuperación posterior ao alumnado do IES de Ponte Carreira.